miércoles, 28 de mayo de 2014

ENQUISA AVALIACIÓN SATISFACCIÓN COAS TITULACIÓNS

O día 6 de xuño remata o prazo ampliado para cubrir a enquisa de avaliación da satisfacción coas titulacións a través da Secretaría Virtual (https://seix.uvigo.es).

A día de hoxe, só 22 de 414 alumnos a cubriron (5,3%). Se esta porcentaxe non se incrementa, os resultados non se terán en conta por falta de representatividade. 

Por favor, accedede á Secretaría Virtual, buscade o apartado de "Enquisa de avaliación da satisfacción das titulacións oficiais" e cubrídea. Son só uns minutos.

Comunícovos tamén que a partir do próximo curso, esta enquisa só terán que realizala os alumnos de 3º curso de grao.

Grazas pola vosa colaboración

martes, 27 de mayo de 2014

Presentación sobre materias optativas e estructura do 4º curso

Axúntase o ENLACE á presentación sobre o cuarto curso, en especial sobre materias optativas, que se expuxo onte na reunión cos alumnos de 3º de Grao.






viernes, 23 de mayo de 2014

Reunión informativa para alumnos de 3º curso

Lémbrovos que o próximo luns, a iso das 12.00 (ao rematar o exame de Producción publicitaria en medios audiovisuais) temos unha reunión para informarvos de cuestións relativas ao 4º curso, seguida dunha reunión de PAT con Carmen López de Aguileta.

A reunión será na AULA 5.

É fundamental a vosa asistencia, xa que se informará do NOVOS proceso de preinscrición en materias optativas.

Saúdos

jueves, 15 de mayo de 2014

IMPORTANTE: Enquisas de avaliación da satisfacción das titulacións

O día 23 remata o prazo para cubrir a enquisa de avaliación da satisfacción coas titulacións a través da Secretaría Virtual (https://seix.uvigo.es).

A día de hoxe, só 11 de 414 alumnos cubriron a enquisa e éste é un problema grave. Tende en conta que un dos puntos febles que nos fixeron constar recentemente os avaliadores do proxecto piloto de renovación da acreditación do título foi, precisamente, a escasa participación nestas enquisas.

Lémbrovos que esta enquisa non é a enquisa de avaliación docente que se pasa cada cuadrimestre en tódalas materias. É un cuestionario distinto, relativo a aspectos xerais da titulación, e só pode cubrirse a través da Secretaría Virtual. 

Os resultados desta enquisa analízanse e téñense en conta para poñer en marcha cambios e melloras nos títulos, sempre e cando os datos sexan representativos. Se a enquisa está cuberta só por 11 de 414 persoas, os resultados non son válidos e non se consideran.

Son só uns minutos. Pídovos, por favor, a vosa colaboración.


Os alumnos de 4º buscan azafatos/as para o seu acto de graduación


Os alumnos de 4º curso están organizando o seu acto de graduación e precisarían voluntarios que poidan axudarlles actuando como azafatos e azafatas. O acto terá lugar o 20 de xuño ás 18.30 horas na Facultade.


Se alguén está interesado pode contactar coa comisión organizadora a través do correo publigraduacion@gmail.com.



Aula para estudio en período de exames

Comunícovos que o decanato do centro decidiu habilitar a aula 3  para o estudo durante o período de exames. Así, os alumnos poderedes facer uso dela entre as 9.00 e as 22.00 horas.

Lémbrovos que se habilita coa finalidade de facilitar un espazo de estudo a maiores da biblioteca, polo que vos prego que non a empreguedes con outros fins como a elaboración de traballos e que manteñades o silencio para non perxudicar a outros compañeiros.




martes, 13 de mayo de 2014

Presentación do Festival We Are Ads

O xoves 15 de maio, ás 12.00 horas, terá lugar no Salón de Graos da Facultade a presentación para alumnos, docentes e medios de comunicación do Festival de publicidade We Are Ads.

Organizado por alumnos do Grao en Publicidade e Relacións Públicas o Festival desenvolverase en xaneiro de 2015 e os estudantes da titulación poderán presentar os seus traballos ante un xurado profesional que premiará os mellores de cada categoría.

Aquí tendes o cartel e  o dossier informativo.


lunes, 5 de mayo de 2014

Reunión de coordinación cos alumnos de 3º curso

O luns 26 de maio, ao finalizar o exame de Producción publicitaria en medios audiovisuais, os alumnos do 3º curso están convocados a unha reunión informativa coa coordinadora do Grao para abordar cuestións relativas ao desenvolvemento do próximo curso (información sobre a estructura do curso, materias optativas, TFG, etc.).

Ao finalizar esta reunión, os alumnos terán unha sesión de PAT coa súa titora, Carmen López de Aguileta.

Informareivos do lugar da reunión en canto estean distribuídas as aulas para os exames.

Saúdos